Thursday 25 de April de 2024

O Concello dá luz verde a un orzamento que mellorará un 5,65% con respecto ao do 2021 para chegar a 2,8 millóns de euros


• O documento foi aprobado este mércores, nun Pleno Extraordinario, cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG.

A Corporación Municipal de Laxe aprobou este mércores, nun Pleno Extraordinario celebrado na Casa do Concello (20.30 horas), os orzamentos desde ano 2022 por un total de 2.841.052,06 euros. Isto supón un crecemento dun 5,65% con respecto aos presupostos do 2021. A votación contou cos votos a favor do PP e do PSOE. O BNG abstívose.

En canto a gastos, o Concello destina 978.022,09 euros á partida correspondente ao pago de salarios e outras retribucións a funcionarios e traballadores municipais. O executivo local aumenta en torno a 196.600 euros o apartado de gastos correntes en bens e servizos ata alcanzar os 1.600.643,74 euros.

O capítulo 6, gastos en inversións reais, baixa ata situarse nos 209.622,24 euros, proxectándose, entre outros, o acondicionamento de varios camiños municipais con fondos de AGADER.

No referido ao apartado de ingresos, o executivo local, encabezado por José Luis Pérez Añón, deseñou un documento no que se suman 360.635 euros máis este 2022 en transferencias correntes ata completar un total de 1.551.353 euros.

Nestes novos orzamentos municipais tamén se contemplan proxectos como un punto limpo móbil, un programa municipal de compostaxe, a posta en valor e musealización da carpintería de ribeira, a sinalización de rutas de sendeirismo e turísticas ou a actuación e salvagarda de colección permanente para o Museo do Mar.

O rexedor, José Luis Pérez Añón, valorou este documento de xeito moi positivo ao considerar que se trata dun orzamento “realista, que se adapta ás necesidades da localidade de Laxe e que permitirá realizar importantes melloras para garantir a correcta calidade de vida da veciñanza”.

Relación de gastos e ingresos para este ano 2022:

Gastos:

• Gastos de persoal 978.022.09 euros
• Gastos correntes en bens e servizos 1.600.643,74 euros
• Gastos financeiros 3.100,00 euros
• Transferencias correntes 28.900,00 euros
• Fondo de continxencia e outros imprevistos 17.758.99  euros
• Inversións reais 209.622, 24 euros
• Activos financeiros 3.005.00 euros

Ingresos:

• Impostos directos 700.762,76 euros
• Impostos indirectos 25.000, 00 euros
• Tasas, presos públicos e outros ingresos 418.238,68 euros
• Transferencias correntes 1.551.353,40 euros
• Ingresos patrimoniais 6.110,00 euros
• Enaxenación de inversións 3.000, 00 euros
• Transferencias de capital 133.582,22 euros
• Activos financeiros 3.005.00 euros